04/02/2018

No Colexio Martínez Otero de Foz

Foi unha tarde marabillosa!!

Despois dunha pequena parada na praia das Catedrais, impresionante polo temporal que había, chegamos Xiana e mais eu ao Colexio Martínez Otero de Foz. 


Alí agardaban por nós as nenas e nenos de 5º e 6º de Primaria xunto aos seus profes: Esperanza, Álex, Tamara, Elvira, Tono... 
Con todas e todos eles, compartimos unha horiña súper divertida. Falamos moito sobre "O agasallo de Anya" e impresionoume moitísimo o coñecemento das nenas e nenos sobre a vida de Anya, Xiana e todos e cada un dos personaxes da novela. 







Fixéronme preguntas moi interesantes e charlamos con entusiasmo e moita satisfacción pola miña parte, sobre esta historia que tantas alegrías me dá.

 


Ás cinco da tarde remataba a súa xornada escolar e as nenas e nenos tiveron que marchar. Eu quedei no cole case outra horiña máis para asinarlles os libros e que poidan gardar un bonito recordo desta tarde que pasamos xuntos. Para min, sen dúbida, será unha tarde inesquecible. 




A prensa do día seguinte, recollía así o noso encontro.


MOITAS GRAZAS!!!

23/12/2017

Na Herri Eskola de Zizurkil :)

Incrible!!! O pasado día 18 de decembro remataron de ler "O agasallo de Anya" as nenas e nenos de 4º de Primaria da Herri Eskola Pedro Mari Otaño en Zizurkil (Gipuzkoa). 


Durante un par de meses foron descubrindo a historia de Anya e Xiana da man de Tere Paz Precedo, unha galega de Meira que hoxe vive en Euskadi e que, a través da ANPA do colexio ao que acoden os seus fillos Uxue e Eneko, realizou esta actividade co alumnado de 4º nas tardes dos luns.

 

Foi estupendo acompañalos dun xeito virtual a través de mensaxes de voz, wasaps e rematar cun vídeo que Tere lles proxectou na última sesión deste Club de Lectura tan especial. Fíxome moita ilusión saber que cada luns, ás 15.30h, un grupiño de nenas e nenos de Euskadi se xuntaban arredor de "O agasallo de Anya" para ler, escoitar, preguntar, aprender... cousiñas sobre a realidade das protagonistas desta historia. 




Síntome tremendamente agradecida a Tere pola iniciativa e a todas elas e eles pola boa acollida que lle deron a esta historia.

ESKERRIK ASKO!!!

18/12/2017

No IES Sanxillao

O pasado luns á tarde, achegámonos Xiana e mais eu ata o IES Sanxillao en Lugo. Alí compartimos algo máis dunha hora ben agradable cun cento de nenas e nenos de 1ºESO e mais as súas profesoras de galego.

Foi moi enriquecedor pois entre tantas persoas xurdiron un montón de preguntas, dúbidas, inquedanzas, curiosidades... Coma sempre, aprendín un montón! ;)

Aquel Salón de Actos tan grande, a tarima, o micrófono, as dúascentas cadeiras... cando estaba todo baleiro parecía que impoñía un chisco, porén, foi moi divertido compartir ese tempo con estes novos lectores, e lectoras, de "O agasallo de Anya".

Déixovos unha pequena mostra fotográfica deses preciosos momentos! 


 





24/09/2017

GALICREQUES 2017

En Compostela, entre os días 14 e 22 de outubro, vaise celebrar a XXII edición do Festival Internacional de Títeres "Galicreques 2017"


Ata Santiago chegarán vinte e sete espectáculos doutras tantas compañías de monicreques que se desprazarán desde Arxentina, Brasil, Portugal, Francia, Pol... para ofrecer, a maiores e pequenos, as súas actuacións en diversas prazas, rúas e salas da cidade.

O martes día 17, ás 11.30h. será o Teatro Principal de Compostela o que acolla a representación de "O agasallo de Anya" por Teatro Marionetas Trécola. Trátase dunha función escolar á que poderán asistir todas as nenas e nenos daqueles colexios que así o desexen.


Agardo que moitas persoas poidan gozar da historia de Anya e Xiana e felicito unha vez máis a Teatro Marionetas Trécola por esta oportunidade de participar, por segunda vez con esta obra, nun Festival Internacional de Títeres.


Se queredes acceder ao programa completo desta vixésimo segunda edición, podedes facelo premendo nesta imaxe.



11/09/2017

Na revista EDUGA

Coñecedes a revista galega do ensino Eduga?


Trátase dunha publicación dixital que semestralmente edita a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria. Pois ben, ao remate do curso 2016-17 saíu á luz o seu número 73 e inclúe, na sección "Innovación", un artigo de María Guerreiro e Pilar García sobre o traballo que elas mesmas desenvolveron hai un par de anos baseándose en "O agasallo de Anya" e que constitúe unha fantástica ferramenta para reforzar e mellorar a comunicación lingüística do alumnado.

Á revista podedes acceder premendo sobre esta imaxe:


E á ferramente elaborada por Pilar e María chegaredes se premedes nestoutra imaxe:


Aínda que o artigo saíu a finais de xuño e aquel non era o momento máis axeitado para poñerse a traballar nisto, espero que lle poidades tirar algún proveito de cara ao curso que estes días comeza.

Grazas!

26/08/2017

BookCrossing

Ás veces unha atópase con iniciativas ben interesantes... Pasoume este verán en Boiro cando camiñaba por diante do Café AGORA. No exterior da cafetería atopei unha particular lacena con libros e a posibilidade de coller un deles deixando outro de características similares no seu lugar. 
Pareceume tan interesante...!!!




Axiña pensei en "O agasallo de Anya" e en darlle a posibilidade de participar desta experiencia tan atractiva así que, en canto puiden, fíxenme cun exemplar para deixalo xunto aos outros libros agardando que chegue ás mans dalgunha nena ou neno e que poidan gozar coa súa lectura. Sería estupendo saber a onde foi parar...


Parabéns pola iniciativa e... que cunda o exemplo!!! ;)


19/08/2017

Teatro Marionetas Trécola en Castro

Estamos en pleno mes de agosto, un mes de descanso para moitas persoas, de lecer, de praia, de actividades deportivas e tamén culturais...

O vindeiro mércores día 23, teremos na Casa da Cultura de Castro Ribeiras de Lea, en Lugo, unha nova representación de "O agasallo de Anya" adaptado como peza dramatúrxica con marionetas de diversas técnicas por Teatro Marionetas Trécola.

Se queredes ampliar a información podedes premer sobre o cartel que poño a continuación:


Non vos parece un bo plan? ;)