A autora

A simple vista pode parecer que son eu, Sabela Núñez Singala, a autora de "O agasallo de Anya" -xunto con Xosé Tomás que o mellorou considerablemente coas súas ilustracións- pero en realidade sinto que todas as persoas que me acompañastes na idea e proxectos así como cada unha das que vos achegades á novela mediante a súa lectura, tamén sodes un chisco autoras e autores dela. Sen vós, eu non sería quen de realizar a miña parte.

Nacín, hai xa case medio século, en Lugo aínda que a maior parte da miña vida transcorre entre A Terra Chá que é onde vivo na pequena localidade de Muimenta e mais A Mariña a onde vou a diario, concretamente Á Pontenova, para aprender matemáticas e moitas outras cousas máis co alumnado do instituto. E si, refírome a aprender eu,  o profesorado aprendemos infinidade de cousas cada día que compartimos nas aulas...

Ademais de contar números gústame contar historias e xa desde ben pequeniña gozaba latricando coas miñas bonecas ás que lles contaba mil e unha aventuras.


Agora, anos despois, é coas miñas fillas e fillos con quen gozo contando e escoitando historias. Con eles, e mais con Carlos, realizo outra das miñas afeccións que é aprender viaxando. Temos costume de traer libros ilustrados de todos aqueles países que visitamos.


A última destas viaxes foi a Ucraína o pasado verán, viaxamos cargados con material escolar e ilusión e voltamos dobremente cargados de satisfacción e gratitude.


Entre a media ducia de libros que trouxemos desa viaxe pódese dicir que destaca "O agasallo de Anya", novela coa que me estreo como escritora.

Espero que vos preste a súa lectura!!!