O libro

"O agasallo de Anya" é unha novela infantil que nos achega á realidade de dúas nenas, Xiana que é galega e ten once anos e Anya, unha cativa ucraína desa mesma idade.

Malia viviren a miles de quilómetros de distancia, as súas vidas non son moi diferentes e teñen en común moito máis do que nos podemos imaxinar, sobre todo se falamos de sentimentos, ilusións, ganas de ser felices e de gozar do mundo...
















Esta novela nace a raíz dun humilde proxecto de axuda mutua entre a infancia galega e ucraína ideado e desenvolto por Carlos e mais por min contando coa inestimable axuda dos nosos fillos: Iago, Ánxela, Paulo e Rosalía. Un proxecto que nace no verán de 2011 baixo o nome de Mochilinhas de Cores e que se complementa ao ano seguinte con Cestinha de Cores. A idea de ambas actividades é a de axudar materialmente a outros nenos e nenas que o precisan sentíndonos nós especialmente axudados por elas e eles que nos aportan satisfacción, agradecemento e esa felicidade que eles son quen de atopar nas pequenas cousas.









O que naceu como un proxecto de "andar por casa" hoxe, da man de Editorial Galaxia, convértese nunha novela infantil coa que poder compartir esa iniciativa, e os valores que dela se derivan, cunha boa parte da infancia galega.

Agradecida a Galaxia e tamén a vós por achegarvos ata aquí, espero que gocedes con "O agasallo de Anya" tanto como eu o fixen poñendo palabras e sentimentos nas vidas destas dúas nenas.

Sede benvidas e benvidos!!!