Tesouros de Anya

Anya vive en Ucraína, un país do leste de Europa que está moi lonxe de Galicia. Atópase a máis de 3500 quilómetros de distancia. 


É un lugar cunha cultura e unha lingua diferentes ás de aquí. O idioma que alí se fala chámase ucraíno e as súas letras non son como as nosas, utilizan o alfabeto cirílico.
Mirade como é, por exemplo, un xornal de alá ou que letras teñen contos como "Carrapuchiña" e "Os tres porquiños" que Anya le na biblioteca do orfanato no que vive. 



Os cartos de Ucraína tampouco se parecen aos nosos, chámanse grivnas e cada grivna ten 100 kopikas, tanto os billetes como as moedas son diferentes dos nosos euros e céntimos. Tamén o seu valor é distinto. Anya ten estas 18,84 grivnas que lle deu súa nai o día que tivo que marchar do país e, se as cambia por euros, só lle darían 1,75€  A que é curioso?


Ademais destes, Anya garda outros tesouros. Son cousiñas que lle axudan a ser unha nena feliz... A ver se vos gustan.

Se xa lestes "O agasallo de Anya" saberedes que ela escribe un diario nunha libretiña que lle deron no orfanato un día que chegou un camión cargado de mediciñas, alimentos e material escolar. Gárdaa nunha fardeliña que ela mesma coseu e, nas súas páxinas, agocha tesouros tan valiosos como un trevo de catro follas que ten un significado moi especial...



Tamén atesoura algunhas golosinas e tres bonequiñas típicas de Ucraína que se chaman matriuskas.


Anya viviu un verán que non esquecerá nunca. Durante dúas semanas estivo no Mar Negro e alí coñeceu a unha velliña moi simpática que lle aprendeu a facer bonequiños con cunchas do mar. A que son preciosos?



No inverno seguinte, construíu un boneco moi especial para mandarlle a unha nena galega chamada Xiana...


E que vos parece?   Acaso este ratiño de orellas grandes non pode ser "O agasallo de Anya"?